Saltar ao contido

Carlo Di Benedetto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCarlo Di Benedetto
Biografía
Nacemento31 de maio de 1996 Editar o valor en Wikidata (28 anos)
Noisy-le-Grand, Francia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónxogador de hóckey a patíns Editar o valor en Wikidata
Deportehóckey a patíns Editar o valor en Wikidata
Familia
IrmánsRoberto Di Benedetto
Bruno Di Benedetto Editar o valor en Wikidata

Carlo Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 31 de maio de 1996, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no FC Porto, do Campionato Portugués.

É irmán máis vello dos xemelgos bivitelinos Bruno e Roberto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Noisy-le-Grand e SA Mérignac (2000-2012)

[editar | editar a fonte]

Naceu en Francia, fillo dun italiano e unha coruñesa de Monte Alto.[1][2] Comezou a xogar ao hóckey a patíns con 3 anos no club CS Noisy-le-Grand, xunto aos seus irmáns Bruno e Roberto. Alí xogou ata 2012, cando marchou cos seus irmáns a Mérignac (Xironda) para xogar no SA Mérignac. Debutou aos 16 anos co primeiro equipo na Nationale 1 e na Copa CERS.

La Vendéenne (2013-2016)

[editar | editar a fonte]

Tras un ano no Mérignac, os tres irmáns ficharon polo La Vendéenne. Co club francés gañou unha liga francesa na súa terceira e derradeira tempada, na que foi ademaiso segundo máximo goleador da liga con 35 goles.

HC Liceo (2016-2019)

[editar | editar a fonte]

En 2016 trasladouse á Coruña tras recibir unha oferta do Liceo. Na súa primeira tempada enfrontouse ao seu ex equipo e aos seus irmáns na Copa de Europa, derrotándoos tanto na ida como na volta. Nas seguintes dúas campañas acabou como subcampión da OK Liga por detrás do FC Barcelona. Na súa segunda tempada no Liceo foi o terceiro máximo anotador da Liga con 28 goles e na última tempada foi segundo, con 41 goles, só por detrás do arxentino Pablo Álvarez.

FC Porto (2019-actualidade)

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2019/20 deixou o Liceo para fichar polo FC Porto, ao mesmo tempo que os seus irmáns recalaban no equipo coruñés.[3] No seu primeiro ano na liga portuguesa non chegou a rematar a tempada, pois a competición foi suspendida por mor da pandemia por coronavirus, pero conquistou a Supercopa de Portugal. Na seguinte campaña foi o quinto máximo goleador do campionato de liga, con 31 goles en 28 partidos, contribuíndo a que o equipo acabase a liga regular no primeiro posto.[4] Con todo, acabou perdendo a final dos play-offs contra o Sporting, club contra o que perdeu tamén a final da Liga Europea.[5]

Na tempada 2021/22 elevou a súa cifra de goles en liga ata os 50, só por detrás do seu compañeiro Gonçalo Alves, e acadou de novo a final, desta vez ante o Benfica. Anotou cinco goles nos partidos da final, sendo un xogador clave para que o seu equipo conquistase o título de liga, ao que sumou esa mesma tempada o da Copa de Portugal e a Copa Intercontinental.[6]

Selección francesa

[editar | editar a fonte]

En 2010, aos 14 anos, uniuse ás categorías inferiores da selección francesa, coa que disputou ese ano o Campionato de Europa sub-17.[7] Dous anos despois, acabou como segundo máximo goleador na mesma competición, anotando nove goles e contribuíndo á medalla de prata da súa selección. Dous meses despois participou tamén no Campionato de Europa sub-20, gañando a medalla de bronce, que repetiu dous anos despois en Valongo.

Tamén en 2014 participou na súa primeira competición coa selección francesa absoluta, o Campionato de Europa, na que o seu país rematou quinto.[8] En 2015 disputou a 66ª Copa das Nacións, onde foi o máximo goleador, e uns meses despois o Mundial de Francia, onde a súa selección caeu en oitavos de final fronte á Arxentina.

No Campionato de Europa de 2016, a selección francesa, onde xa xogaban os tres irmáns Di Benedetto, caeu en cuartos de final fronte a Suíza, mentres que no Mundial de 2017 non pasou da fase de grupos. No Campionato de Europa de 2018 obtivo o cuarto posto, despois de caer en semifinais por 8-2 contra a España de Xavier Malián, Edu Lamas, Adroher e Bargalló entre outros. Carlo anotou 7 goles no campionato. No Mundial de 2019 o equipo chegou ás semifinais, onde foi eliminado pola Arxentina.

En 2021 disputou o Campionato de Europa na cidade portuguesa de Paredes, sendo elixido mellor xogador do torneo, despois de liderar á selección francesa ata a final, onde perderon contra a selección española.[9]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
La Vendéenne
Liceo da Coruña
Porto

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  1. "Una saga internacional de Monte Alto". La Opinión A Coruña (en castelán). 21 de febreiro de 2017. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  2. "Os veráns ao sol de Monte Alto". La Opinión A Coruña. 12 de decembro de 2019. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  3. Varela, María (26 de febreiro de 2019). "As fichaxes, de dúas en dúas". La Opinión A Coruña. Consultado o 28 de novembro de 2020. 
  4. "Artilheiros 2020/21". ogol.com.br (en portugués). Consultado o 18 de marzo de 2023. 
  5. "Porto-Sporting, final de la Liga Europea protagonizada por ex jugadores de la OK Liga". Mundo Deportivo (en castelán). 16 de maio de 2021. Consultado o 18 de marzo de 2023. 
  6. "FC Porto sagra-se campeão nacional de hóquei em patins pela 24.ª vez" (en portugués). 29 de xuño de 2022. Consultado o 18 de marzo de 2023. 
  7. "Debrouver et Di Benedetto visent le podium". ouest-france.fr (en francés). Consultado o 29 de novembro de 2020. 
  8. "Les Bleus ambitieux!" (en francés). 10 de xullo de 2014. Consultado o 29 de novembro de 2020. 
  9. es (21 de novembro de 2021). "España se proclama campeona de Europa por 18ª vez en su historia". Consultado o 22 de novembro de 2021.